| | · Este domingo TVG emite o último capítulo: “O tesouro da lingua”.
· Cunha audiencia do 16%, o programa voltará en xaneiro co estreo da sexta tempada.
O programa Doa a Doa, realizado por IBISAtv para TVG, remata a emisión da súa quinta tempada en antena con “O tesouro da lingua”. Con máis de douscentos entrevistados, oitenta programas producidos, e unha audiencia do 16%, o programa consolida a súa presencia na grella da TVG, converténdose xa nun clásico das noites dos domingos.
Doa a Doa voltará en xaneiro, co estreo da súa sexta tempada en antena. Novas historias dos avós e avoas de Galicia, e outros temas, algúns dos cales están a debate na sociedade de hoxe, como a homosexualidade ou a delincuencia. IBISAtv prepara xa o próximo Doa a Doa, cun novo prantexamento que suporá un arriquecemento do programa.
Coincidindo coa emisión deste último capítulo, o domingo terá lugar en Vedra unha proxección especial do programa, cos veciños que participaron no programa contando as súas vivencias. Será no Centro da Terceira Idade, ás 19:00 hrs. Como broche de ouro á quinta tempada, TVG emitirá o domingo “O tesouro da lingua”, no que os nosos maiores abordan a consideración social da lingua.
“O tesouro da lingua”
Os nosos pais e os nosos avós foron quen de conservaren a lingua de tódolos galegos. Doa a doa, contra vento e marea, soubérona gardar. Sen institucións que a protexeran, sen normas que a preservaran, sen castes poderosas que a defenderan e con poucos intelectuais que a fecundaran. Nas mans dos galegos e galegas de hoxe, con máis medios e razóns está depositada esta herdanza esencial para que floreza outras mil primaveras, como a forma propia e xenuína que temos de ver e interpreta-lo mundo.
A consideración social do galego, a percepción da lingua é tamén referida por nosos avós neste capítulo. Marina Gómez relata a infravaloración que existía: “Non fales o galego que dicen que somos unos poboanos: me chamaban a atención porque falaba o galego, nativas de Vigo. Entonces eu lle dicía: nos vós da vergoña, eu que non son auténtica galega, e vós que sodes galegos... o falar o galego no tempo era de poboanos”.
|