| | Este sábado ás 21.15 hrs. “Inmigrantes sen papeis”: os nosos maiores lembran o drama de emigrar.
TVG ofrece este sábado un novo capítulo da sexta tempada de Doa a Doa, realizado por IBISAtv. Neste capítulo, os vellos de Galicia achégannos historias da emigración, dende o sufrimento da partida, a separación da familia, como as condicións atopadas no lugar de destino. Porque cando non se podía face-lo agosto, había que face-las Américas e alá se ía fuxindo da fame, porque algo tiñan que face-los que nacían cunha man diante e outra detrás. Das Américas, de Cuba, Montevideo, ou Bos Aires, moitos nunca volveron, as despedidas eran tráxicas coma un enterro. Alí quedaron para sempre, na Chacarita.
Pero, se volvías, mellor que viñeras rico, aínda que a maioría non conseguiu saír da modestia. Anos despois fomos a Europa, que construía o seu benestar, e aproveitamos as sobras, como agora fan os inmigrantes que veñen a Galicia. A Europa íase e víñase. Non se volvía rico, pero si farto e, sobre todo, digno.
Hai medio século non había en familia que non tivera algún familiar emigrado. José Maneiro explica como foi a súa marcha: “Eu tiña un tío en Río de Xaneiro, escribinlle, mandóume un contrato e o billete do barco pago, e no ano 53 collín as maletas e funme instalar ó Brasil”. A consideración dos galegos no extranxeiro, é relatada por Manuel Aldariz “a idea deles era que lle íbamos sacar o traballo, porque os empresarios preferian empleados de Galicia, ou sea galegos, antes que nativos”. Carmen e Luciano Liñares contan a adaptación ó novo entorno e o idioma. Por outra parte, lémbranse a agrupacións dos galegos no extranxeiro: “ibamos ós centros, ó centro galego; sempre nos xuntabamos máis ben os galegos”, lembra Aldariz.
|